Optare Solutions debutou en BME Growth cunha subida de case o 25%
venres, 11 de outubro do 2024
A empresa tecnolóxica galega Optare Solutions, consultora especializada en solucións OSS/BSS para operadores de telecomunicacións e provedores de servizos dixitais, debutou este mes de outubro no BME Growth. E fíxoo, en palabras da dirección da firma, “cun notábel éxito”.
A compañía, que iniciou a contratación das súas accións a un prezo de referencia de 6,25 euros, pechou a súa primeira xornada bolsista cunha subida do 24,8%, alcanzando os 7,8 euros por acción e elevando a súa capitalización de 22 a 27,5 millóns de euros.
Este debut marca un fito importante na historia de Optare Solutions, fundada en Vigo en 2002, e representa, segundo fixo saber o conselleiro delegado da firma Luis Álvarez-Sestelo, “un novo comezo na súa estratexia de expansión”. A saída a bolsa, destacou, responde a tres obxectivos básicos: aumentar a visibilidade da compañía, fidelizar o talento e abrir novas vías de financiamento para continuar impulsando o seu crecemento. “A entrada no mercado ofrécenos ferramentas diferentes ás que utilizamos ata o de agora, ampliando as nosas posibilidades de espallamento”, sinalou o conselleiro delegado.
Antes da súa saída a bolsa, Optase Solutions completou con éxito dúas ampliacións de capital, logrando captar 2 millóns de euros e cunha sobredemanda de case un millón. Estes fondos, sinalou o conselleiro delegado, “permitirán á compañía seguir executando o seu plan de expansión e consolidar a súa posición como un referente na transformación dixital das empresas”.
A compañía, con sede en Vigo, creceu de maneira sostida nos últimos anos, grazas á súa capacidade para ofrecer solucións tecnolóxicas innovadoras e de vangarda aos seus clientes.
Optase Solutions cotiza baixo o código OPTS e opera na modalidade de fixing, un sistema que fixa prezos en dous momentos determinados do día (12.00 e 16.00). Durante a xornada do seu debut, a compañía recibiu o respaldo tanto dos investidores como do mercado.