Oppo traerá os seus R7 e R7 Plus a Europa

mércores, 20 de maio do 2015 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo é dos poucos que non só se atreve a sacar dispositivos de alta gama con deseño coidado e prezos relativamente contidos, senón que incluso ousa a distribuílos directamente en Europa a través da súa tenda en liña, achegando ao público europeo smartphones realmente potentes e elegantes que conseguen destacar nun mercado monopolizado por unhas poucas marcas, e para continuar a mellorar o seu catálogo porán á venda o mes que vén os seus teléfonos R7 e R7 Plus.
O Oppo R7 é un atractivo smartphone con pantalla AMOLED Full HD de 5 polgadas, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 615 de 8 núcleos a 1,5 GHz, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno ampliable mediante microSD, cámara traseira de 13 Mpíxeles con sensor BSI Sony Exmor IMX214 (con HDR e gravación de vídeo a 4K), cámara frontal de 8 Mpíxeles (pensando nos populares selfies), LTE, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.320 mAh (cun sistema de carga ultra-rápido que permítelle chegar ao 75% da súa carga en só 30 minutos), un grosor de 6,3 milímetros e un peso de 147 gramos, que como principal eiva tería que o seu sistema operativo (ColorOS 2.1) chega nunha versión baseada en Android 4.4. Conta con dúas bandexas para tarxetas SIM, unha de tamaño micro SIM e unha segunda de tamaño nano SIM, podendo esta última empregarse para albergar unha tarxeta microSD en caso de non precisar dunha segunda tarxeta telefónica. Espérase que teña un prezo duns 360 euros cando saia á venda a mediados de xuño.
Pola súa banda o Oppo R7 Plus opta por una pantalla AMOLED Full HD de 6 polgadas, mellorando tamén na súa capacidade de almacenamento interna (32 GB), na capacidade da súa batería (4.100 mAh), na súa conectividade sen fíos (este modelo soportaría Wi-Fi AC) e incluso sorprendería chegando con ColorOS 2.1 baseada en Android 5.1 (o que podería dar a entender que o seu irmán pequeno podería actualizarse a Lollipop a poucas semanas do seu lanzamento). Por desgraza as melloras de hardware veñen acompañadas por un maior grosor (7,76 milímetros), maior peso (203 gramos) e un prezo tamén superior (uns 430 euros). Este terminal posiblemente non estea dispoñible até o mes de agosto.
Estes novos smartphones con corpo metálico irían na liña de terminais premium marcada por fabricantes como Apple, deixando constancia que o uso de materiais de calidade e os deseños elegantes non son exclusivos de teléfonos de máis de 600 euros.

As cámaras frontais dos novos teléfonos de Oppo son de 8 Mpíxeles, coidando así o detalle das auto-fotos

PUBLICIDADE