OnePlus tamén estrea móbil con Snapdragon 8 Elite

xoves, 31 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Continúa o lanzamento en China dos grandes móbiles que chegarán ás tendas con procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, e tras os Xiaomi 15 e os Honor Magic7, temos agora os OnePlus 13, smartphone que poderá adquirirse cunha configuración básica con 12 GB de RAM LPDDR5X e 256 GB de almacenamento UFS 4.0 a un prezo de 4.499 iuans (581 euros) e pode equiparse con até 24 GB de RAM e 1 TB de almacenamento a un prezo de 5.999 iuans (774 euros), aínda que os seus prezos oficiais europeos serán sensiblemente máis elevados.
O OnePlus 13 chegará cunha pantalla AMOLED de 6,82 polgadas cunha resolución de 3.168 x 1.440 píxeles cun refresco variable entre 1 e 120 Hz e un brillo pico de 4.500 nits, a súa batería ten unha capacidade impresionante (6.000 mAh) e carga moi rápida (100 watts por cable e 50 watts por indución), e a súa cámara traseira tripla opta por sensores de 50 Mpíxeles (co selo de Hasselblad e estabilización óptica, destacando que o seu sensor principal é un Sony LYT-808 e o teleobxectivo ten un zoom óptico de 3x), mentres que a cámara frontal queda en 32 Mpíxeles. A cámara traseira pode gravar vídeo en 8K a 30 imaxes por segundo, mentres que a frontal permite gravar en 4K a 60 imaxes por segundo, o que é unha mostra máis de que estamos ante un smartphone moi capaz. Conta con conectividade Wi-Fi 7, Bluetooth 5.4 e NFC, e conta con protección IP69.
Aínda que esteamos ante o último dos móbiles presentados esta semana co que promete ser o procesador móbil máis potente do mercado, probablemente esteamos ante o smartphone que vai ter unha mellor aceptación, dada a sona colleitada por OnePlus nos últimos anos en varios mercados.

O OnePlus 13 presume de resistencia IP69