Olympus presenta unha nova cámara sen espello coa aparencia dunha cámara de carrete

martes, 25 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Para os que busquen unha cámara fotográfica pequena, lixeira e elegante, Olympus propón a súa nova OM-D E-M10 Mark II, que cun exterior metálico e un peso de só 390 gramos (coa batería e a tarxeta de memoria) consegue recrear a aparencia dunha clásica cámara de carrete, pero tratándose dunha moderna micro catro terzos que presume dun sistema de estabilización de 5 eixes que permite conseguir grandes imaxes en condicións de pouca luz ou en movemento.
Esta nova cámara tamén busca xubilar a fotografía co móbil, de aí que integre Wi-Fi, facendo doado compartir fotografías dende o smartphone, podendo tamén aproveitarse a conectividade sen fíos para empregar o teléfono como mando a distancia para disparar a cámara cando estea nun trípode ou en condicións de fotografía difíciles.
A Olympus OM-D E-M10 Mark II ten un sensor Live MOS de 16,1 Mpíxeles, unha pantalla táctil LCD inclinable de 3 polgadas e un visor electrónico OLED de 2,36 Mpíxeles. E compatible con máis de 40 obxectivos intercambiables, integra flash e estará dispoñible en cor negro ou prata a partires de mediados de setembro a un prezo de 599 euros (só o corpo) aínda que tamén poderá mercarse nun lote que inclúe un obxectivo de 14-42 milímetros a 799 euros.

A nova cámara de Olympus ten unha pantalla táctil inclinable

PUBLICIDADE