Oculus presenta un novo prototipo das súas lentes de realidade virtual

luns, 22 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Entre os días 19 e 20 celebrouse a primeira edición do encontro de desenvolvedores Oculus Connect, centrado en tecnoloxías de realidade virtual, contando con preto dun milleiro de asistentes de todo o mundo, e que serviu para presentar o novo prototipo das lentes Oculus Rift, coñecido como Crescent Bay, e que mellora a súa tecnoloxía de pantalla, integra un sistema de seguimento da cabeza en 360 graos, reduce o seu peso, mellora a súa ergonomía e integra audio de alta calidade, achegándose moito máis ao que se espera que sexa o produto final.
Espérase que esta tecnoloxía resulte especialmente popular para xogar, consumir contidos audiovisuais e gozar de moitas outras experiencias que agora só podemos intentar adiviñar, no que promete ser o mellor sistema de lentes de realidade virtual do mercado.
No encontro de desenvolvedores tamén se amosaron as novidades de Unreal Engine 4, xa que este motor gráfico de Epic está a incluír cada vez máis recursos para conseguir unhas experiencias de realidade virtual cada vez máis sorprendentes. Na mesma liña tamén se anunciou que Unity xa inclúe a Oculus como unha plataforma oficial, de xeito que xa soporta (tanto na súa versión profesional como na gratuíta) a tecnoloxía de visión estereoscópica e son tridimensional que facilita a sensación de realidade virtual de Oculus.

PUBLICIDADE