Ocarina of Time chegará á 3DS o 17 de xuño

martes, 12 de abril do 2011 Marcus Fernández

O lanzamento da Nintendo 3DS produciuse cunha grande carencia, como é o feito de que a estrea da nova consola portátil non viñese acompañada dalgún título das sagas de Mario ou Zelda, o que vai rematarse parcialmente o vindeiro 17 de xuño, data na que finalmente chegará ás tendas The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D, un remake dun xogo clásico da Nintendo 64 (e GameCube) que non só volverá cunha mellora a nivel gráfico e o uso da estereoscopía, senón que por primeira vez poderá verse traducido ao español, segundo adiantou Nicolás Wegnez, director de Marketing de Nintendo España nun evento celebrado hai un mes en Madrid.
Nintendo tamén avanzou as datas de lanzamento de máis títulos para a 3DS, como Puzzle Bobble Universe (21 de abril), Steel Diver (6 de maio), LEGO Piratas del Caribe: El Videojuego (13 de maio), Dead or Alive Dimensions (20 de maio), SUDOKU – The Puzzle Game Collection (26 de maio), Sports Island 3D (2 de xuño) e Naruto Shippuden 3D The New Era (17 de xuño).

Carátula do novo xogo de Zelda para Nintendo 3DS