Obxectivo: que as prácticas en empresas TIC sexan algo máis que ir a por cafés

venres, 2 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Hai máis vida alén das prácticas empresariais e os seus modelos, en ocasións ríxidos de máis, tal e como os coñecemos. Así o entenden as empresas galegas A Navalla Suíza, Cenlitrosmetroscadrado e Ekinocio, que veñen de unir forzar para pór en práctica, e nunca mellor dito, novos xeitos de favorecer as prácticas dos futuros profesionais no seu seo. O resultado disto é unha nova achega innovadora, o que non é de estrañar tendo en conta a natureza principal destas firmas devanditas: a innovación. Cun total de 60 horas, dedicadas exclusivamente á formación, o que se pretende é atacar dúas eivas: a ausencia de profesionais no sector do deseño de calidade e a “rixidez burocrática do sistema de prácticas”, sinalan.
As persoas que sexan seleccionadas para estas sesións, ombro con ombro cos profesionais das tres integrantes, poderán desenvolver labores en proxectos persoais durante unha semana nos centros de traballo das tres empresas, combinando deseño gráfico, deseño industrial e, o que é a parte de A Navalla Suíza, deseño web. As/os que desexen máis información sobre estas oportunidades poden atopala na web Probeta da devandita firma de deseño. As vantaxes de todo isto son obvias: amais das posibilidades directas de formación, cun gran compoñente persoal de creatividade, hai que engadir que a intención dos responsábeis da iniciativa é que en ningún segundo da estadía se chegue a traballar en negro nin se faga outra cousa que aprender a profesión (nada de ir a por cafés nin de facer fotocopias).
Por certo que a idea de Probeta é Creative Commons, e dende as empresas promotoras desta nova metodoloxía anímase a outras entidades a que a adopten e melloren.

PUBLICIDADE