O xoves chegará Super Mario Run a Android

luns, 20 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Que o xogo Super Mario Run para iOS conseguise superar os 40 millóns de descargas en 4 días fixo que o primeiro videoxogo de Nintendo para dispositivos móbiles fose todo un fenómeno que aínda estaba só a amosar a súa patiña por debaixo da porta xa que faltaba por chegar á plataforma móbil maioritaria a nivel mundial: Android.
A primeiros de ano Nintendo confirmou que Super Mario Run chegará a Android este mesmo mes, abrindo o rexistro previo en Google Play para que os interesados poidan recibir un aviso en canto este título estea dispoñible para a súa descarga, e finalmente confirman que o día esperado será o vindeiro xoves, cando Super Mario Run non só estreará versión para Android, senón que tamén actualizarase á súa versión 2.0, de xeito que será posible gozar de novos personaxes xogables e incluso será posible desbloquear o mundo 4-1 na versión de balde do xogo de superar un dos desafíos de Bowser.
Lembremos que este xogo pode descargarse de balde, convidando ao xogador a percorrer os seus tres primeiro niveis recollendo moedas, mentres que se pagamos 9,99 euros podemos desbloquear os 24 niveis do xogo (repartidos en 6 mundos).
Podemos considerar que a versión de balde non é máis que unha versión de demostración do xogo, animando aos usuarios a facerse co xogo completo. Queda agora por ver se ao chegar a un público moi amplo incrementaranse considerablemente as vendas deste xogo que pese a ter superado os 50 millóns de dólares en ingresos antes de rematar o ano pasado, está a funcionar por debaixo das expectativas da propia Nintendo, compañía afeita a que os seus grandes xogos de Super Mario teñan uns ingresos millonarios cunha base de consolas moi inferior ao número de smartphones que hai no mercado.

PUBLICIDADE