O xogo de Masacre dispara o seu prezo

xoves, 1 de agosto do 2024 Marcus Fernández

O éxito na grande pantalla do filme Deadpool y Lobezno está a provocar que o personaxe de Masacre estea de máxima actualidade, provocando un impacto no mundo dos videoxogos, xa que o xogo do mercenario bocalán lanzado en 2013 converteuse nun obxecto de desexo xa que foi retirado das tendas dixitais, de xeito que só pode xogalo que o comprase no seu día ou quen teña unha copia física, de aí que os novos seareiros deste personaxe de Marvel estean a pagar cantidades moi elevadas por un xogo que en condicións normais tardaría moitos anos en conseguir cotizacións altas.
Cómpre salientar que a edición do xogo máis valorada non é ningunha das lanzadas en 2013 (PS3 e Xbox 360), senón a remasterización que saíu o ano seguinte para consolas da seguinte xeración, pois non podemos esquecer que poucos xogadores conservan unha PlayStation 3 operativa coa que poder gozar do xogo (e os xogos de PS3 non son retrocompatibles con PS4). Deste xeito, as copias que están a conseguir unhas cotizacións moi elevadas son as do xogo para PlayStation 4, que facilmente superan os 100 euros en copias en bo estado, mentres que as unidades sen abrir ofrécense a cantidades moi superiores, deixando claro que os coleccionistas están a ser conscientes do potencial deste xogo que no seu día fora pouco relevante, pero que a súa retirada do mercado dixital converteu nunha rareza.
Son poucas as ocasións nas que un xogo que non destaca pola súa calidade ou importancia histórica (de feito, a poucos meses do seu lanzamento xa se saldaba a menos de 20 euros) consegue converterse nun título perseguido por coleccionistas, aínda que desta volta podemos entender que moitos dos que queren facerse cunha copia simplemente buscan xogar na súa consola a un xogo do personaxe de moda, e non teñen outra forma de facelo que conseguindo unha copia física.