O volante Logitech G923 leva un paso adiante o force feedback

mércores, 5 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que os volantes para ordenadores e consolas son accesorios cada vez máis raros de ver (en boa medida polo seu elevado prezo) é un segmento que Logitech non esquece e así presenta o seu novo Logitech G923, un volante de carreiras que conta coa nova tecnoloxía TrueForce, unha evolución do force feedback que facilita a inmersión nos xogos ao permitir que o condutor sinta cambios na superficie da estrada, o agarre, o rechío dos pneumáticos... achegando aos desenvolvedores as ferramentas para que as sensacións que perciban os xogadores sexan o máis realistas posibles, ao integrarse cos motores de físicas dos xogos, interactuando cos motores de físicas e son.
O volante de simulación de carreiras Logitech G923 Trueforce é compatible con ordenadores persoais e consolas PlayStation e Xbox, podendo adquirirse por 399 euros en dúas versións en función da consola de videoxogos coa que queremos que case a súa estética (Xbox One ou PlayStation 4). O volante tamén será compatible coas consolas da vindeira xeración.
O Logitech G923 ten un deseño de luxo, con materiais de alta calidade (aluminio, aceiro e coiro), conta coa función de dobre embrague nos xogos compatibles, os pedais contan con resortes progresivos para replicar a resposta de sistemas de freos sensibles á presión e incluso integra un indicador de revolucións.
Aínda que este volante é compatible cun completo catálogo de xogos, polo momento os únicos que tiran un proveito completo do mesmo son Assetto Corsa Competizione, Gran Turismo Sport e GRID (2019), xa que son compatibles con TrueForce, de xeito que achegan unha experiencia de xogo mellorada. Espérase que xogos como iRacing, F1 2020 ou Dirt Rally 2.0 reciban actualizacións en breve para poder aproveitar as prestacións deste completo volante.

Tanto o volante como pedais están construídos con materiais de calidade

Vídeo promocional do novo volante de Logitech

PUBLICIDADE