O videoxogo Toro xera polémica e bo número de detractores

venres, 23 de xaneiro do 2015 Fernando Sarasketa

Facer un videoxogo sobre touradas, fose antitaurino ou non, ía traer polémica. E polémica é o que está a traer, xa antes da súa chegada ao mercado, o videoxogo Toro, un produto que vén da man do estudo español Reco Technology e que ten entre os seus principais bazas (ou eivas, depende de quen o vexa) o feito de poñérmonos na pel dun toureiro que debe protagonizar unha serie de corridas e, polo tanto, emular a un destro real co obxectivo de obter meirandes puntuacións. En definitiva, debe matar animais porque si e, como acontece nas prazas non virtuais, do peor xeito posíbel: gabándose diso dende a area e cos parabéns do público e das amplas contornas sociais e políticas que defenden, aínda a día de hoxe, unha práctica tan aberrante.
O xogo, como era de agardar, xa ten inimigos e podemos velos xuntando forzas na plataforma de ciberactivismo Change.org, solicitando que non se poña á venda entre outras cousas polas dubidosas leccións que fornece aos usuarios das consolas, boa parte dos cales son nenos ou adolescentes. Piden tamén que non se contribúa aínda máis “á barbarie e aos malos tratos aos animais co lanzamento deste videoxogo”. Segundo engaden, “o produto é unha tentativa máis de normalizar un acto que por natureza é abusivo e supón glorificar os malos tratos animais". A reclamación (que este venres tiña case 35.000 asinantes) diríxese polo de agora a Microsoft (Xbox), pero o certo que é o videoxogo tamén estará dispoñíbel para outras plataformas, como PlayStation 4 e PC.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE