O venres celébrase na Coruña a xornada Hacking Nivel Mega

luns, 6 de febreiro do 2023 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Cátedra R, a plataforma Armis, a fundación Gradiant e empresas do sector tecnolóxico (InprOTech, Cloud.gal, Forensic & Security e Qualinnova) organizan este venres, 10 de febreiro, a xornada Hacking Nivel Mega, un evento mix lúdico-formativo sobre ciberseguridade no Museo Mega de Estrella Galicia da Coruña (rúa José María Rivera Corral, 6), de 16 a 20:30 horas.
A vogal do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, sinala que os obxectivos son apoiar a comunidade ciber galega creando un evento distendido que sirva de encontro e networking para os profesionais, así como ser un entorno para que os estudantes de FP e universitarios poidan achegarse ao mundo ciber e aprender e compartir para seguir crecendo neste ámbito.
A actividade terá 70 participantes que visitarán o museo e gozarán da experiencia dunha cata de cervexa e un servizo de maridaxe de queixos. Na parte máis académica, celebraranse dúas charlas sobre ciberseguridade, nas que intervirán Juan González Martínez, de Gradiant, que falará sobre “Criptografía (e tamén matemáticas...) maridadas con cervexa, que pode saír mal?” para explicar como, mediante a resolución dun reto, pódese aprender sobre vulnerabilidades criptográficas e tamén sobre a súa historia e a das matemáticas nas que se basean; e o especialista en ciberseguridade Joel Senra Moreno, que analizará a cuestión do “RFID en controis de acceso e sistemas de autoservizo” onde mostrará varios ataques, tanto ás tarxetas RFID como aos lectores das mesmas e o proceso realizado para ler, escribir, emular e clonar tarxetas RFID.

PUBLICIDADE