O smartwatch con 3G de Samsung comercializarase internacionalmente

venres, 19 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O pasado outono chegou a España o atractivo e completo smartwatch Samsung Gear S2, e durante o seu lanzamento a compañía salientou que a Europa non traían a súa variante con conectividade 3G xa que tal dispositivo integraba unha eSIM con capacidades de voz, e polo momento non había operadores que ofrecesen tal servizo, pero as cousas están a mudar, e como anticipo ao Mobile World Congress dende Samsung anuncian que van comezar a comercialización internacional do seu Gear S2 classic 3G, de xeito que será o primeiro dispositivo que chegue ao noso mercado equipado cunha eSIM compatible coa arquitectura GSMA Consumer Remote SIM Provisioning (RSP) que busca imporse ao longo do presente ano.
Dende a compañía surcoreana non só ven este lanzamento como unha innovación, senón que tamén o planifican como o punto de saída para toda unha serie de dispositivos conectados que contribuirán ao desenvolvemento da chamada Internet das Cousas.
Entre as compañías que colaboraron con Samsung na implementación das novas eSIM figuran operadores como Orange, Vodafone e Telefónica, polo que a chegada desta tecnoloxía que facilitará a conectividade móbil de dispositivos electrónicos chegará rapidamente a España, quedando logo por dar o seguinte chanzo: os smartphones con eSIM integrada (fase prevista para a segunda metade do ano).
Lembremos que o Samsung Gear S2 conta cun procesador Exynos 3250, 512 MB de RAM, pantalla circular sAMOLED de 1,2 polgadas e 360 x 360 píxeles, resistencia á auga IP68, Bluetooth 4.1, Wi-Fi, NFC (de xeito que tamén facilitará a realización de pagamentos co móbil) e unha batería de 250 mAh (que permitiríalle funcionar 2-3 días e que pode recargarse mediante unha cómoda base magnética incluída co reloxo). En vez de funcionar con Android Wear optou por Tizen, polo que diferénciase claramente doutros smartwatches da competencia, e é compatible ca meirande parte dos smartphones do mercado.

PUBLICIDADE