O smartphone de 3,30 euros remata como unha promesa incumprida

venres, 18 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Pese á presentación mediática, o smartphone que anunciaban que tería un prezo de só 251 rupias resultou ser un calote

O mes pasado medio mundo dirixiu a súa mirada cara a India, xa que unha compañía chamada Ringing Bells anunciaba que o seu smartphone Freedom 251 sairía á venda polo prezo indicado no seu nome, 251 rupias (uns 3,30 euros), o que era un prezo incrible de crer para un smartphone con Android 5.1 e 1 GB de RAM, que claramente sería máis que dabondo para un uso básico, supondo unha revolución nos prezos, xa que até o momento o smartphone máis barato que podiamos atopar un limitado Micromax S301 por 2.346 rupias (uns 31,36 euros).
De ser certo o anuncio realizado, estariamos nun grande avance para democratizar o acceso á tecnoloxía, pero finalmente os responsables desta compañía demostraron non ser dignos de confianza, xa que as unidades de proba do Freedom 251 resultaron ser realmente un smartphone de fabricación chinesa, o Adcom Ikon 4s (á venda por 4.081 rupias, ou sexa, 54,55 euros) polo que a promesa do smartphone de 3,30 euros está moi lonxe de resultar crible (especialmente porque só as pezas do smartphone xa custarían 2.500 rupias), e incluso a compañía da India tivo que devolver os cartos aos milleiros de cidadáns que reservaron unidades para supostamente recibilas no verán.
Estamos ante unha historia que pode lembrarnos ás tabletas económicas que prometeran para os estudantes da India, que tería un prezo dun 32 euros, e que foran outra desfeita tecnolóxica, entregando o fabricante menos do 0,7% das unidades encargadas e tendo que devolver os cartos aos compradores ante a súa incapacidade de fabricar 1,4 millóns de tabletas (só chegaron a completar unhas 10.000 unidades, e cunha calidade lamentable).
Unha vez máis vemos como cando os prezos parecen demasiado baixos como para ser certos, a primeira impresión tende a ser a atinada, e o escepticismo debe ser o camiño a seguir.

PUBLICIDADE