O selo Espacio Movistar lanza o seu primeiro grupo: o galego Raddog

xoves, 29 de maio do 2008 Raquel Noya

O grupo musical galego Ragdog vén de converterse no primeiro grupo musical xurdido do Selo Espacio Movistar (SEm), o proxecto polo que Telefónica, a través de Movistar, lle da pulo ó desenvolvemento dos e das artistas musicais en España por medios dixitais.
Esta banda foi seleccionada de entre tódolos artistas que mostraron os seus traballos no devandito Selo e recibirá todo o apoio do mesmo para a difusión da súa música, do mesmo xeito que Movistar fará co resto de músicos que vaian xurdindo na súa compañía fonográfica.
O SEm foi dado a coñecer o pasado 27 de febreiro deste ano e, dende entón, o seu portal oficial (no que se penduraron uns 420 temas musicais) xa recibiu máis de 50.000 visitas e rexistrou a máis de 3.000 usuarios.
A primeira das actividades de promoción que esta compañía levará a cabo para o lanzamento do primeiro traballo de Ragdog será a actuación deste último no vindeiro Rock in Rio, onde coincidirá con artistas consagrados do panorama actual.
A principal novidade que ofrece este novo modelo de creación musical reside na desvinculación do formato físico e a súa adaptación ó formato dixital, segundo os responsables de SEm, “moito máis acorde cos novos hábitos dos mozos e mozas de todo o mundo”.

Un proxecto musical “comprometido e de futuro”

Coa idea de reforzar os valores de compromiso e de evolución do SEm, Movistar involúcrase “nun proxecto solidario de futuro” destinando un 1 por cento de tódolos ingresos que perciba no lanzamento dos artistas noveis ó programa Plantemos para o Planeta, unha iniciativa de Medio Ambiente das Nacións Unidas (PNUMA) que ten como obxectivo plantar unha árbore por cada habitante da terra antes de finais de 2009.
Deste xeito, “é a primeira vez na historia” que ten lugar unha mobilización organizada pola ONU a nivel mundial dende a Rede, con acceso dende os ordenadores e os teléfonos móbiles por parte de persoas anónimas, gobernos, empresas e organizacións que se unen para loitar contra o cambio climático de xeito eficaz.

PUBLICIDADE