O sector galego do software potencia a súa relación cos clientes

martes, 5 de abril do 2011 Raquel Noya

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), Vitae Consultores e a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), veñen de unir forzar para organizar un evento pioneiro no noso país: a xornada formativa A Xestión de Requistos de Software: o comezo dunha boa amizade cos clientes, na que se darán a coñecer os aspectos máis salientables da xestión de proxectos TIC de cara a satisfacer aos clientes potenciais.
A organización desta peculiar xornada, intentará, entre outras cousas, dar solución aos aspectos relacionados coa xestión de requisitos, dende o seu concepto ata o peche, así como ás diversas ferramentas e técnicas para levar a cabo distintos tipos de proxectos tecnolóxicos.
Segundo informan dende estas entidades, “os Requisitos son o elemento máis crítico no desenvolvemento de Proxectos de Software”. Unha mala xestión dos mesmos”, engaden, “desata unha serie de consecuencias negativas como son a diminución da calidade do software e da produtividade así como aumento dos custes e do time-to-market”.
Xa que logo, entendemos que para as empresas que desenvolven software é “imprescindible” levar a cabo unha boa xestión de Requisitos, e esta xornada ten como obxectivo mostrar as claves para que esta tarefa se leve a cabo con éxito.
O relator principal do evento será o especialista e desenvolvedor de software, Jordi Borja Sanz, actual director de Desenvolvemento de Negocio e Estratexia de Solución en Visure, quen compartirá cos profesionais TIC galegos a súa experiencia particular, e resolverá dúbidas que xurdan arredor deste eido.
Con el estarán, entre outros, o xerente de Proxectos de Altia Consultores, Jesús Criado, e a responsable de Proxectos e analista TI en Estrella Galicia, M. Carmen Dopazo, quen ofrecerá a súa perspectiva como cliente.
O acto terá lugar o vindeiro xoves, 7 de abril, entre as 10:00 e as 14:00 horas, na Sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña.

PUBLICIDADE