O sector forestal fórmase en novas tecnoloxías

martes, 6 de novembro do 2018 Redacción

Hoxe inaugurouse en Verín unha actividade formativa para avanzar na dixitalización do noso sector da madeira. Trátase do curso Aplicación das TIC á xestión dos aproveitamentos forestas e ás relacións coas administracións, moi centrado en botar luz sobre os recursos tecnolóxicos actuais para facer máis doado o traballo dos profesionais galego deste ámbito: doado, sinxelo, áxil e accesíbel. O obradoiro vén da man da federación galega FEARMAGA, co pulo da Xunta, no marco da Estratexia de formación da industria forestal de Galicia. O curso forma parte dun programa formativo dirixido a impulsar a especialización de máis de 5.000 profesionais.
O obxectivo é dar resposta ás necesidades das empresas e facilitar a adaptación dos traballadores á incorporación da última tecnoloxía. Dentro da devandita Estratexia, estanse a desenvolver dúas ducias de accións formativas e outras tantas de divulgación, con axudas por máis de 180.000 euros das que se benefician sete entidades, entre as que se atopa FEARMAGA.
Na cita de hoxe participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Ignacio Lema, que salientou na apertura do curso a posta en marcha de medidas tecnolóxicas para simplificar os trámites e os permisos dos profesionais e das empresas do sector. Neste senso, Lema destacou a habilitación dunha plataforma de comunicacións e autorizacións de aproveitamentos forestais que facilita a tramitación. O director da axencia lembrou que, en menos de catro meses, a plataforma recibiu 17.130 solicitudes, o que se traduce nuns 155 trámites diarios.

PUBLICIDADE