O sector forestal fórmase dixitalmente en Pontedeume e en Ponteareas

luns, 12 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A semana pasada proseguiron as actividades itinerantes de formación tecnolóxico-dixital para os nosos profesionais da madeira. Estamos a falar dos cursos de optimización no uso das TIC para empresas do sector forestal galego que organiza a Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (FEARMAGA), cuxa actividade previa (en Verín) reflectimos en Código Cero. A nova cita celebrouse en Pontedeume e nela participaron PEME da madeira, optimizando os seus coñecementos dixitais nos trámites coa administración, entre outras “actualizacións”.
Segundo informa a organización do obradoiro en termos máis xenéricos, “o curso permitiu incrementar as competencias no manexo de software e Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en xestións administrativas como a solicitude de permisos de curta ou a verificación de documentación”
A xornada formativa contou coa presenza de Jose Ignacio Lema, director da Axencia Galega da Industria Forestal, que felicitou aos presentes pola súa participación nun curso que “busca optimizar o uso do TIC nas empresas, un elemento clave para o desenvolvemento rural e para as empresas do sector forestal”.
O obradoiro desenvolveuse no Centro FOREMEDES de Pontedeume e esta semana entrante celebrarase unha nova actividade en Ponteareas (13 de novembro). En días previos, a acción formativa celebrouse tamén en Santiago de Compostela e, como dixemos, en Verín.
Durante a sesión formativa de Pontedeume explicáronse os procedementos para xestionar coa Sede Electrónica da Xunta de Galicia diferentes trámites como permisos de curta, consultas sobre zonas de afectación (Rede Natura, Augas de Galicia, etc), xestión de expedientes e verificación de documentos, entre outros. A idea consiste en capacitar ás empresas para seren máis eficaces aforrando tempo e custos na xestión administrativa que están obrigadas a realizar. Tamén se incluíu un apartado sobre as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías para o acceso a novos mercados.
A formación insírese nun plan para acadar unha meirande profesionalización no sector, máis produtividade e competitividade. Desenvólvese con financiamento público xa que conta co apoio da Axencia da Industria Forestal, adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

PUBLICIDADE