O satélite Humsat-D continúa operativo oito anos despois do seu lanzamento

venres, 11 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

O foguete DNPER foi lanzado ao espazo dende o cosmódromo ruso de Yansy o 21 de novembro de 2013. No seu interior, atopábase o satélite Humsat-D, deseñado, construído e operado polos e polas integrantes da Agrupación Aeroespacial da Uvigo e integrado no programa Basic Space Tecnology Initiative (BSTI).
Fernando Aguado e José Antonio Vilán foron os encargados de coordinar este proxecto, sendo o segundo cubesat que estudantes e docentes da UVigo lanzaban ao espazo. O 13 de febreiro de 2012 puxeron en órbita o Xatcobeo, e un ano e medio despois, o Humsat-D. “En 2014, os enxeñeiros encargados da operación do satélite, deixaron de recibir transmisión de Humsat-D. De aí nun tempo volveu dar sinais de vida, pero finalmente deixou de transmitir” rememora Fernando Aguado. Segundo os integrantes do proxecto, o satélite Humsat-D, continuou dando sinais puntuais pero non era posíbel contactar con el, polo que consideraron que estaba non operativo. Os coordinadores, tamén indicaron que durante o 2014 producíronse actividades solares importantes que puideron afectar ao satélite, e que esta fora unha das razóns da interrupción das transmisións.
Pese a isto, sete anos despois do que se pensaba que sería a súa derradeira transmisión, “a través dun contacto que realizou un radioafeccionado mediante unha rede social a SpaceLab, preguntando o estado de Humsat-D, puidemos confirmar que o satélite estaba activo”, afirma o docente e investigador do centro AtlantTIC da Uvigo. Nestes últimos días, o sinal do Humsat-D foi recibido na estación que se atopa na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da UVigo, e por parte de numerosos radioafeccionados en todo o mundo.
O Humsat-D permitiu comprobar a viabilidade de que en pequenos satélites era posíbel prover un servizo coñecido como Internet das Cousas (IoT). Tiña unha esperanza de vida de arredor de 6 meses, e segundo Fernando Aguado “recibir transmisións oito anos despois do seu lanzamento é algo inusual neste tipo de satélites”. Este tamén indicou que a vida útil dos cubesats foi aumentando, ata o punto de que o último satélite da Uvigo, Lume, segue a ser operado despois de máis de dous anos dende que foi lanzado, sen presentar signos de degradación.
Unha vez restablecido o contacto con Humsat-D, a Agrupación Aeroespacial está a traballar para recuperar o software e o hardware empregado hai oito anos; co obxectivo, non só de recibir datos de forma pasiva, senón de poder recuperar o rexistro do satélite e descubrir que sucedeu antes de que se parara a comunicación. “Algo que axuda a ter unha vida útil máis longa é que Humsat-D se deseñou coidando ao máximo as baterías, que é o elemento máis crítico”, precisa Aguado, que advirte que en calquera momento poderíase volver a perder o contacto co satélite. Sexa como for, as simulacións apuntan a que aínda estará en órbita durante 15 anos máis, orbitando arredor de 14 veces ao día, remataría por autodestruírse contra a atmosfera despois de aproximadamente 130.000 voltas á Terra.

PUBLICIDADE