O salón virtual das universidades españolas mostra a oferta de mestrados da UDC, a USC e a UVigo

martes, 24 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

As nosas tres universidades (Coruña, Santiago e Vigo) amosan a súa oferta de mestrados no salón virtual posto en marcha por CRUE (Conferencia de Reitores Universitarios de España), Uniferia, ao longo de toda a semana ata o 27 de marzo en www.master.uniferia.org. No caso da UDC, na páxina hai información dos máis de 50 mestrados que poden seguirse na Universidade da Coruña de forma presencial, semipresencial e virtual, salientando os mestrados interuniversitarios, os internacionais e con mención de calidade.
Polo que respecta á USC e a UVigo, a súa oferta inclúe arredor 70 mestrados cada unha.
CRUE Universidades Españolas organiza por primeira vez a feira virtual de mestrados, completando a información ofrecida coa feira de graos que se celebrou en febreiro.
As 54 universidades presentes na feira dan a coñecer de maneira personalizada as súas propostas de titulacións de mestrado, os sistemas de acceso, as posibilidades de internacionalización e outra información de interese. A principal vantaxe da fórmula virtual, dada a actual conxuntura de crise sanitaria e confinamento por mor da pandemia de COVID-19, é que permite ás persoas interesadas visitar os distintos stands das universidades “sen saír da casa”, destaca a UDC, poñendo o foco tamén noutra gran vantaxe: a posibilidade de interactuar cos servizos de información e orientacións das institucións participantes, a través e canles de chat.
O grupo de traballo dos Servizos de Información e Orientación Universitaria de CRUE é o responsábel desta iniciativa.

PUBLICIDADE