O router Netgear R6300 permitirá transferencias a 1,3 Gbps

venres, 27 de abril do 2012 Marcus Fernández

As comunicacións informáticas sen fíos non paran de mellorar en velocidade para atender ás crecentes necesidades dos usuarios, e tras a adopción masiva das redes Wi-Fi N, a industria xa ten a vista posta na nova xeración de Wi-Fi baixo o estándar IEEE 802.11ac, que triplicaría a velocidade da anterior e que poderían chegar a igualar a velocidade das redes cableadas con tecnoloxías Gigabit Ethernet.
Un dos primeiros fabricantes en colocar un produto desta categoría no mercado é Netgear, que presenta o seu router Netgear R6300, que presume de ser o primeiro Wi-Fi 802.11ac de dobre banda con soporte de 5G Wi-Fi a velocidades Gigabit, conservando a compatibilidade cos estándares Wi-Fi anteriores.
O Netgear R6300 podería chegar a mover transferencias de datos a unha velocidade de ata 1.300 Mbps na banda dos 5 GHz e de 450 Mbps na banda dos 2,4 GHz, permitindo que os usuarios descarguen contidos no fogar ou na oficina nun tempo moi inferior do que podían facer coas actuais redes sen fíos, mantendo un consumo moi semellante.
Este atractivo router estará dispoñible o mes que vén por 199,99 dólares (150,79 euros) e conta con moitas outras prestacións interesantes aparte da súa velocidade, como 2 portos USB que permiten conectar simultaneamente unha unidade de almacenamento USB e unha impresora para compartilas en rede (compatible con AirPrint, facilitando a impresión dende un iPad ou iPhone), integra filtros de control paterno, pode funcionar como servidor DLNA e incluso pode administrarse a través de móbiles con iOS ou Android. Mide 255 x 205 x 77 milímetros, pesa 654 gramos e, aparte de Wi-Fi, tamén ten 1 porto WAN e 4 LAN, todos Gigabit Ethernet, deixando clara a aposta deste dispositivos pola velocidade de transferencia.

PUBLICIDADE