O rol da muller nos videoxogos centra unhas xornadas na Coruña

mércores, 12 de decembro do 2018 Redacción

O centro municipal de empresas Accede Papagaio acolle hoxe e mañá dúas xornadas divulgativas promovidas por Women in Games, o colectivo internacional sen ánimo de lucro presente en máis de 50 países e que conforman mulleres vinculadas ao sector do videoxogo. O evento, promovido polo estudio de videoxogos Gato Salvaje co apoio do Concello da Coruña, pretende achegar á veciñanza unha reflexión sobre a situación da industria e poñer en valor o papel da muller na mesma a través dunha serie de actividades e charlas divulgativas abertas á cidadanía.
Esta tarde desenvolveuse o obradoiro Narrative Design & Branching Storytelling, impartido pola escritora norteamericana Emily Grace Buck, unha das voces máis recoñecidas do sector e que destaca polo seu traballo en videoxogos como Batman ou The Walking Dead (para Telltale Games). Mañá Buck ofrecerá unha charla divulgativa, a partires das 18:30 horas, titulada Game Dev: What Gamers Think We Do vs What We Actually Do á que seguirá unha mesa redonda Diverse gamedevs, diverse game characters: a cycle. Esta actividade contará coa participación da xornalista Paloma Ferro, e as artistas especializadas na creación de espazos a ceo aberto ou interiores 3D Bárbara Martínez Solé e María Fernández Hermida, ademais da propia Buck.

PUBLICIDADE