O reto da dixitalización, fío temático da cita coruñesa da nova xira @asLAN

luns, 22 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A nova xira tecnolóxica da asociación @asLAN tocará a nosa terra o mes vindeiro. Máis concretamente, recalará na Coruña (no Hotel NH Collecting A Coruña Finisterre), o día 6 de novembro, en horario de 9.00 a 15.00 horas. O evento, que contará coa colaboración de entidades galegas como o Clúster TIC Galicia, o Colexio Oficial Enxeñeiros de Telecomunicación (AETG), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ou a asociación Ineo, xirará arredor “do papel das tecnoloxías na rede para impulsar a transformación dixital”. Contarase coa presenza de empresa de primeira liña (Alcatel, Cambium, Dell, Huawei, Gigaset, Kaspersky, Panda, entre outras) falándonos das súas experiencias e obxectivos.
Amais disto, o obxectivo da xira (e da cita coruñesa) é ofrecer “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas para construír infraestruturas de negocio”. Por temáticas, tocaranse cuestións candentes e de gran interese como a protección dixital, a mobilidade ou as infraestruturas híbridas, pasando polas vantaxes da transformación TIC e as mellores fórmulas para aplicala no noso negocio, a tempo completo e abranguendo todos os procesos.
O programa de relatorios, logo da presentación de Francisco Verderas (secretario xeral da asociación @asLAN), contará coa presenza de especialistas en innovación empresarial e dixitalización como Roi Iglesias, director de Econocom Retail, David Peña, enxeñeiro principal de Sistemas de Dell EMC, Javier Gómez, director rexional para a península de Cambium Networks, David Tajuelo, xefe de Canles de Fon Technology, Rosa Gascueña, enxeñeira de Proxectos de CCTV Center, Javier Buitrago, KAM de Alcatel Home, María Jesús Rangil, xefa de Vendas de Gigaset, María José Montes, responsábel de Ciberseguridade de ESET España, José Antonio Morcillo, xefe de Contas de Canle de Kaspersky Lab, Ivan Mateos, enxeñeiro de Vendas de Sophos, ou Vicente Manuel Martín, director de Pre-venda de Panda Security.

PUBLICIDADE