O proxecto galego Situm vai amosar o seu potencial a Silicon Valley

mércores, 5 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Seguimos dando conta de proxectos galegos que salientan no panorama TIC. Desta volta, toca falar do proxecto Situm, dos galegos Víctor Álvarez Santos e Adrián Canedo Rodríguez, que veñen de acadar unha praza para viaxar a Silicon Valley, nos Estados Unidos, tras alzarse a súa proposta como unha das mellores 24 de todo o ámbito estatal presentadas ao programa Yuzz. Máis en detalle, Situm foi elixida a mellor idea do centro Yuzz Santiago, obtendo a devandita praza para viaxar do 7 ao 12 de decembro ao devandito complexo empresarial norteamericano, considerada a meca da innovación TIC.
O programa Yuzz está dirixido polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), co patrocinio de Banco Santander, a través da súa División Global Santander Universidades, e a colaboración da Xunta de Galicia.
O xurado seleccionou o proxecto de Víctor Álvarez Santos e Adrián Canedo Rodriguez, como o mellor do emprazamento compostelán, situado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, espazo no que desde hai seis meses 20 mozos emprendedores da cidade traballan na concreción das súas ideas empresariais. Durante a súa visita a Silicon Valley, os responsábeis de Situm poderán visitar o Spain Tech Center (STC) -impulsado por Banco Santander, ICEX e Red.es- cuxo obxectivo é facilitar a implantación de PEME de base tecnolóxica española nesta contorna produtiva.
Segundo informan os responsábeis de Yuzz, ao regreso de Silicon Valley, os gañadores deberán presentar as súas ideas ante un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras do devandito programa. Seleccionaranse o tres mellores proxectos, que recibirán unha dotación económica de 30.000, 20.000 e 10.000 euros, respectivamente, para que poidan desenvolvelos.
Polo que respecta a Situm, sinalar que se trata dunha ferramenta de localización de dispositivos intelixentes que permite coñecer a posición de calquera teléfono dentro de calquera edificio (onde o GPS non funciona). Isto abre a porta para o desenvolvemento de aplicacións e servizos de xeolocalización para interiores, por exemplo no eido do guiado de persoas en grandes superficies, na procura de produtos e tendas en centros comerciais ou para levar a cabo promocións personalizadas ao dispositivo de cada usuario. Tamén permitiría facer estudos de comportamento de clientes en tenda ou xerar información sobre a posición de empregados en tempo real, amais de achegar a base para a elaboración de audioguías xeoposicionadas para museos.

PUBLICIDADE