O proxecto europeo Spin Up celebrou en Santiago unha xornada de networking

mércores, 25 de novembro do 2020 S. P.

A Asociación Área Empresarial do Tambre acolleu este mércores 25, no seu centro empresarial, unha xornada de networking transfronteirizo na que participaron representantes do tecido produtivo galego e portugués e axentes xeradores de coñecemento avanzado. Organizada pola incubadora de empresas Uninova, a xornada formou parte das accións do proxecto europeo Spin Up. O obxecto desta iniciativa, de modalidade mixta (presencial e virtual) é estimular a creación de empresas a través da transferencia de tecnoloxía e innovación.
Participan 42 iniciativas emprendedoras de diversas áreas produtivas (agro-bio, industria alimentaria, industria creativa, Tecnoloxías da Información e a Comunicación -TIC-, turismo, industria da transformación 4.0; saúde-envellecemento activo) e 22 empresas consolidadas. A través de Spin Up, tiveron tiveron a oportunidade de manter encontros virtuais de networking individuais para valorar as posibilidades de negocio conxuntas. Os socios portugueses do proxecto conectáronse tamén telematicamente para seguir a xornada.
A Asociación Área Empresarial do Tambre participa no Spin Up, Programa INTERREG V-A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020. Este proxecto europeo persegue o crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza a favor da competitividade empresarial, buscando “a promoción do espírito empresarial, facilitando o aproveitamento económico de novas ideas e impulsando a creación de novas empresas –spinoffs universitarias e startups innovadoras– a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento neste espazo de cooperación entre universidade e empresa en Galicia e Norte de Portugal.
Os socios do proxecto son Uninova (a incubadora de novas empresas de base tecnolóxica da Universidade de Santiago de Compostela), a Asociación Área Empresarial do Tambre, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Cámara de Comercio de Santiago, a Universidade do Porto e a Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios (ANJE).

PUBLICIDADE