O proxecto de micromecenado de Ubuntu Edge fracasa pese a superar os 12 millóns de dólares

xoves, 22 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O micromecenado para produtos tecnolóxicos conseguiu grandes éxitos como o smartwatch Pebble, que superou os 10 millóns de dólares e a consola de videoxogos baseada en Android OUYA, que achegouse aos 8,6 millóns de dólares, pero non todos os proxectos acadan ese mesmo éxito, e dende Canonical están a escribir un curioso capítulo na historia do crowdfunding por converterse no proxecto deste tipo en acadar a maior cantidade de fondos (12.809.906 dólares) pero sen chegar a completarse con éxito.
O Ubuntu Edge é un proxecto moi ambicioso, que buscaba xuntar 32 millóns de dólares, pero resultaba moi complicado xuntar tal cantidade de cartos porque para poder recibir un dos produtos finais (un smartphone capaz de funcionar como un ordenador completo con Ubuntu Linux) había que adiantar dende 695 dólares e non se tería o smartphone ata maio de 2014 como moi pronto, o que supón unha aposta moi forte e unha confianza desproporcionada por unha compañía sen experiencia en facer este tipo de produtos.
Por fortuna, os plans de Canonical en avanzar cara a converxencia de móbil e ordenador continúan, e aínda que non saquen o seu propio smartphone, será posible que o fagan outros fabricantes no futuro, polo que non sería de sorprender que, con ou sen un proceso de micromecenado, dentro dun ano poidamos ver como o soño de Canonical faise realidade e vexamos un dispositivo como o Ubuntu Edge da man de fabricantes como Samsung, LG, HTC ou algunha das emerxentes compañías chinesas.

PUBLICIDADE