O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC converteu os centros educativos da Coruña en obradoiros tecnolóxicos

mércores, 23 de xuño do 2021 Pedro Pérez

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este martes 22 de xuño o acto de presentación dos resultados do proxecto Talentos Inclusivos. A iniciativa tivo un gran éxito, e máis dun centenar de estudantes de centros educativos da Coruña desenvolveron solución tecnolóxicas para retos propostos por persoas con parálise cerebral. A actividade está impulsada polo CITIC, un centro que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC, e ASPACE Coruña.
O acto acolleu aos equipos participantes que presentaron os traballos desenvoltos, entre os que se atopa un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D. O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, encargado da apertura do acto, destacou que “co proxecto Talento Inclusivos, o CITIC cumpre coa misión para a que foi creado, a de proporcionar coñecemento científico en TIC en beneficio da sociedade”.
Durante o encontro, o coordinador do proxecto en ASPACE Coruña, Rubén Carneiro, e o coordinador no CITIC, Javier Pereira, introduciron os diferentes equipos de traballo, que presentaron as solución tecnolóxicas. “Este proxecto demostra que non existen barreiras cando hai apoio da tecnoloxía e traballo de investigación”, comentou a presidente de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro.
Pola súa banda, a membro do pleno do Consello Social da UDC, Nona Inés Vilariño, destacou que “o traballo cooperativo deste proxecto está a contribuír a acadar un cambio social, e pon en valor unha das capacidades máis humanas que existen: a empatía”.
Para cerrar o acto, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, Inma Aguilar, participou por vídeo-conferencia, e asegurou que “dende a FECYT seguiremos colaborando nos próximo anos con esta iniciativa, que estou segura de que axudará a moita xente a que a súa vida sexa un pouco máis fácil”.

PUBLICIDADE