O proxecto Stat Wars e a ciencia dos datos afiánzanse no IES Sanxillao de Lugo

martes, 28 de marzo do 2023 S. P.

O proxecto de divulgación científica Stat Wars: A rebelión dos datos, liderado polo Grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos da USC, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia e Innovación, da Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet), citou este luns 27 de marzo uns 160 estudantes de terceiro e cuarto curso da ESO no IES Sanxillao de Lugo no Pazo de San Marcos. No acto participou Pablo Rivera Capón, responsábel de Promoción Económica e Tecnolóxica da Deputación de Lugo.
O proxecto Stat Wars: A rebelión dos datos constitúe unha iniciativa dirixida a alumnado preuniversitario, a través da que se pretende achegar a mocidade á disciplina estatística “dunha maneira amena e divertida”, explican fontes da USC, poñendo o foco nas metodoloxías postas en xogo: xogos e concursos orientados a que o alumnado poña en práctica o seu espírito crítico e descubra as diversas aplicacións da estatística na vida real, presentándoa como unha vocación científica de futuro.
A profesora de Estatística da Facultade de Matemáticas da USC Mercedes Conde, o profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra e director do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC, Manuel Marey, e as xestoras da investigación no Grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos (GRID-BDS) Ana Bouzas e Berta Rial, foron os docentes responsábeis de impartir este obradoiro participativo e de divulgación científica que se prolongou en quenda de mañá.
A profesora da área de Estatística, Análise Matemática e Optimización Mercedes Conde abriu a quenda de relatorios logo da sesión inaugural, un acto no que o deputado provincial delegado da área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a tamén profesora da USC Ana Bouzas, deron a benvida ao alumnado inscrito para para participar nunha xornada na que Berta Rial e Mercedes Conde conduciron diversas actividades participativas, mentres que o catedrático Manuel Marey ofreceu un breve relatorio baixo o título Medindo resina coa Intelixencia Artificial.
Stat Wars é unha idea orixinal da Universidad Carlos III de Madrid (UC3M), que a Rede Biostatnet lanzou no ano 2017 ao territorio nacional baixo a coordinación da USC, a través do grupo GRID-BDS. A última edición desta acción de divulgación científica contou coa participación dunha ducia de universidades españolas: Universidade de Almería, Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade Carlos III de Madrid, Universidade de Castilla La Mancha, Universidade de Estremadura, Universidade de Granada, Universidade de Navarra, Universidade de Oviedo, Universidade do País Vasco, Universidade Politécnica de Catalunya, Universidade de Salamanca e Universidade de Valencia.
Na sesión, Rivera Capón salientou a importancia e o atinado deste obradoiro. “Vivimos nun mundo no que estamos inundados de datos, de cifras. Pero, se non contamos coas ferramentas para interpretalos, para facer series, para entender a evolución ou as variacións dos fenómenos, os datos sérvennos de pouco”, dixo.

PUBLICIDADE