O programa estatal para facilitar unha Administración dixital e accesíbel recala en Antas de Ulla

martes, 21 de xaneiro do 2025 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou o programa A Administración preto de ti no concello lucense de Antas de Ulla, acompañada da alcaldesa, Pilar García Porto. A subdelegada destacou a importancia deste programa nos pequenos concellos, “pois achega todas as ferramentas necesarias á poboación para executar calquera trámite administrativo que precisen”.
Isabel Rodríguez reafirmou o compromiso do Goberno co reto demográfico, destacándoo como unha das súas políticas prioritarias: "Con accións como esta aseguramos a igualdade de oportunidades e profundamos na cohesión territorial de toda a provincia".
A Administración preto de ti naceu en 2022, da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, co obxectivo específico de “facilitar á cidadanía dos concellos máis pequenos e de zonas rurais os trámites dixitais na Administración do Estado”. Trátase dunha iniciativa que “reforza a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades entre a cidadanía de zonas urbanas e rurais”.
A segunda fase do programa comezou o pasado luns 13 de xaneiro no concello coruñés de Miño.
O programa consta de sesións informativas prácticas impartidas por persoal da Subdelegación do Goberno na Coruña, previamente formado, e doutras unidades, como a Axencia Tributaria, Tráfico e, como novidade, a Seguridade Social. Nestas sesións tamén se tramita ás persoas asistentes o Certificado Dixital da FMNT e ensínaselles a instalalo nos dispositivos móbiles para o seu uso nas relacións dixitais coa Administración.
A subdelegada lembrou que a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións cos seus departamentos: dende trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar de xeito telemático.