O programa Fábrica Intelixente colle impulso coa segunda convocatoria de 2019

martes, 9 de xullo do 2019 Redacción

Este mes de xullo abriuse o prazo para solicitarmos a nosa participación na segunda edición do programa Fábrica Intelixente, convocatoria 2019, impulsado pola axencia GAIN da Consellería de Economía cun crédito de 6,4 millóns de euros. O obxectivo de Fábrica Intelixente, nas palabras da axencia, é apoiar proxectos de innovación e desenvolvemento que fagan avanzar a nosa terra en materia de Industria 4.0. Ou sexa, en materia de rendibilidade, competitividade, eficacia, eficiencia e sustentabilidade aplicadas ás empresas. O prazo pecha o 31 de xullo.
As destinatarias destas axudas son empresas “capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico ou agrupacións dunha empresa ou empresas cun organismo de investigación, ambos con centro de traballo en Galicia”. O tipo de proxectos a cubrir con financiamento son de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e procesos, individuais ou en cooperación, cun orzamento de entre 2 e 10 millóns de euros. A intensidade das axudas varía en función do tipo de proxecto e do tamaño da empresa, podendo chegar ata o 80%.
Entre as principais novidades desta edición destaca a redución do orzamento mínimo dos proxectos (de 4 a 2 millóns de euros) para permitir unha maior participación das PEME; o aumento do prazo de execución dos proxectos (de 2 a 3 anualidades) e a ampliación do prazo de solicitude, habilitando dúas edicións ao longo do ano para adaptarse mellor aos tempos das empresas.
Resolución da primeira edición de 2019
Na primeira fase apoiaranse 5 proxectos nos sectores da conserva, motor, naval e TIC. Os proxectos desenvolveranse ata 2022 e neles participan 7 empresas e un centro tecnolóxico. Cunha axuda de preto de 6,4 millóns de euros, agárdase que mobilicen 22,4 millóns de euros, xeren 16 empregos cualificados e empreguen a 94 persoas en tarefas de I+D+i. Segundo informa GAIN, os proxectos financiados nesta primeira edición de 2019 son: Albo 4.0, Tecnoloxías dixitais para a industria conserveira do futuro; Fiber 4.0, Desenvolvemento da Factoría Intelixente de Benteler Automotive Vigo; F4ST, Desenvolvemento de Tecnoloxías 4.0 para o Estaleiro do Futuro de Navantia; CLAUDIIA, Collaborative Layer for Automation and Development of Industrial Innovative Approache, liderado por Gamelsa, empresa do grupo Televés, en colaboración co CTAG; e EfiFACTORY, Tecnoloxías 4.0 para a fabricación eficiente da factoría Borgwarner en colaboración co CTAG.

PUBLICIDADE