O profesor da UDC Víctor Arufe, Premio SIMO á mellor experiencia de gamificación

mércores, 6 de novembro do 2019 Redacción

O profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Víctor Arufe, recolle hoxe en Madrid o Premio á Innovación Educativa SIMO Educación 2019 á Mellor experiencia de gamificación. Este recoñecemento, convocado polo IFEMA en colaboración con Educación 3.0, é unha das actividades estrela do salón SIMO, que se celebra esta semana (até mañá) na Feira de Madrid.
O proxecto do profesor da UDC forma parte dun palmarés coas 10 experiencias educativas máis sobranceiras e innovadoras do panorama estatal. Trátase da sétima edición dos premios. No proceso de selección das iniciativas galardoadas participaron, enviando contribucións, preto de 200 experiencias docentes.
Segundo informa a Universidade da Coruña, o proxecto Fornite EF do profesor Víctor Arufe demostra que é posíbel traballar varias competencias de Educación Física simulando unha partida. Para isto, traballou as diferentes condicións do videoxogo na vida real, adaptándoo todo aos contidos de Educación Física. Nesta proposta que o profesor Arufe realizou con estudantes, estes traballan valores como a xenerosidade, o xogo limpo, o respecto ou a creatividade e ademais crean hábitos saudables e habilidades comunicativas.

PUBLICIDADE