O potencial das TIC para a nosa produción leiteira, ao detalle este xoves no Campus de Lugo

martes, 10 de setembro do 2019 Redacción

Este xoves 12 celébrase no Campus de Lugo unha xornada de traballo directamente encamiñada a pescudar nun ámbito de especial interese para a nosa terra: o punto no que conflúen as novas ferramentas (Internet das Cousas, Big Data, aprendizaxe máquina, servizos cloud, etc) e as explotacións leiteiras. A xornada Smart farming, novas tecnoloxías na produción de leite vén da man do grupo de investigación Proxectos e Planificación (ProePla) da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo.
O foro celebrarase a partir das 10.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, e encádrase no Plan de Transferencia Tecnolóxica ao Agro Galego 2019, financiado a través do FEADER.
O catedrático da USC e coordinador de grupo ProePla, Manuel Marey, abrirá a quenda de relatorios desa xornada cunha conferencia que leva por título A investigación en Smart farming : perspectiva da Spanish Journal of Agricultural Research (SJAR).
A investigadora de doutoramento Alba Vázquez dará continuidade a esta primeira quenda cunha charla sobre as futuras oficinas agrarias virtuais, mentres que o subdirector xeral de Formación e Innovación Agroforestal de AGACAL, José Antonio Portos, pechará a sesión matinal cunha charla sobre o impulso da innovación agraria desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
Segundo informa a USC, a celebración da xornada servirá tamén de escenario para que diversas empresas do sector, tales como Alltech, Aresa, Corteva-Pionner, DeLaval e Durán Maquinaria, realicen cadansúas presentacións das súas respectivas contribucións a este eido. Ao remate dos relatorios e as presentacións, as persoas participantes nesta xornada de transferencia de tecnolóxica terán a oportunidade de visitar, xa en quenda de tarde, unha explotación situada no municipio de Castro de Rei, en cuxas instalacións as empresas convidadas farán unha demostración práctica das súas innovacións aplicadas ao día a día da produción láctea.

PUBLICIDADE