O portal Proxector quítalle ferro ás matemáticas da man de Elena Vázquez Cendón

martes, 7 de febreiro do 2023 S. P.

A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) comezaron febreiro subministrando novos contidos e novos formatos para o portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de achegarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos.
As novidades (de fondo e de forma, con escolmas de autoría) son un convite a “mollarnos nas matemáticas para sentilas ao velas e, sobre todo, escoitalas coa frecuencia seleccionada polo noso mando”. Desta volta, cóntase coa colaboración de Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC.
Nesta selección, hai achegas da Facultade de Matemáticas da USC en conexión coa Comisión de Normalización Lingüística da mesma, tanto no concurso Explícoche Matemáticas 2.0, onde alumnas e alumnos do ensino medio falan de trigonometría e das matemáticas que foron parteiras da informática, coma na xornada Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas. Tamén hai membros da facultade que participaron contando como xestionar datos con R Commander, falando da xeometría do noso corpo en Lugo e presentando á Natureza como a grande optimizadora.
O Ensino Medio está representado polos seus docentes, contando, desde o método de Gauss, exemplos de matemáticas da pandemia e compartindo en Galiciencia datos de historia.
Inclúense tamén no especial conversas sobre logaritmos e unha charla TED na que se explica en inglés a orixe da incógnita, déixaa despexada nesta escolma cun singular corolario do que o galego é moi protagonista.
O portal
Impulsado en 2015 polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, a páxina comezou o ano 2022 con novos folgos e, nun plano máis concreto, con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego.
Esta segunda vida de Proxector foi dada a coñecer en xaneiro de 2022 por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O gran obxectivo, sinalaron, é “mostrar materiais científicos, de calidade e na nosa lingua, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de ensino medio”.

PUBLICIDADE