O operador R traballará coa Casa de Tolos para dar a coñecer a nosa música

xoves, 2 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

O operador R e Casa de Tolos, a través dun proxecto impulsado polo Cluster Audiovisual Galego, van traballar ombro con ombro a prol da nosa música e, máis polo miúdo, de reducir ao máximo o número de persoas no mundo que non a coñecen. Isto vaise materializar a través de Música Tolemias, unha canle de subscrición de balde que achega, baixo demanda da carta da plataforma de televisión R, dúas ducias de concertos gravados na nosa terra. Esta achega de actuacións ampliarase en breve con 80 sesións máis, en virtude do devandito acordo asinado por R e Casa de Tolos. O achegamento insírese no proxecto do Cluster Creación de canles temáticas VOD (vídeo baixo demanda).
Este acordo terá máis pólas que a devandita. De feito, ámbalas entidades traballarán de xeito conxunto na produción, realización e distribución de catro documentais: A música: Alma e Industria, O rock noso de cada día, De voces Ceibes a Milladoiro e Música e lendas arredor das Cíes. Estas catro pezas poderanse ver na canle de subscrición de Televisión R.

PUBLICIDADE