O novo xogo dos Power Rangers chega a Xbox One

martes, 26 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Hoxe chegou por sorpresa á tenda de xogos de Xbox Live o título de nWay Power Rangers: Battle for the Grid, xa que estamos ante un título apostará polo xogo cruzado entre plataformas, e que non tiña previsto o lanzamento para PS4 e Nintendo Switch até o mes que vén (mentres que a versión para PC chegaría ao longo do ano).
Power Rangers: Battle for the Grid é un xogo de loita no que se desenvolven combates por quendas de 3 contra 3 combinado aos Rangers de todas as tempadas da serie de televisión, ou sexa, 25 anos de Power Rangers nun único xogo, convidando a enfrontar a Rangers e viláns actuais e clásicos en batallas espectaculares que poderán xogarse en liña para competir con xogadores de todo o mundo.
O xogo promete uns controis doados de aprender pero difíciles de dominar, enfrontamentos en liña igualados, modo adestramento para combates en local e un modo arcade para poder perfeccionar as habilidades contra o sistema en sesións de xogo individuais.
Está confirmado que os xogadores de Xbox One, Nintendo Switch e PC poderán competir entre si, estreándose o xogo cun par de modos en liña (un modo clasificatorio e outro ocasional) e varios modos fóra de liña (versus, arcade, adestramento e titorial). Power Rangers: Battle for the Grid chega cos personaxes de Jason Lee Scott, Tommy Oliver, Gia Moran, Ranger Slayer, Magna Defender, Kat Manx, Mastodon Sentry, Goldar e Lord Drakkon; os ultras Dino Megazord, Dragonzord e Mega Goldar; e 5 arenas (Zordon’s Training Room, Harwood County Warzone, Mystic Forest, Lord Drakkon’s Throne Room, Command Center); de xeito que tras o lanzamento irán saído novos contidos (o pase da primeira tempada incluirá 3 novos personaxes e unha nova aparencia).

Tráiler de presentación de Power Rangers: Battle for the Grid

PUBLICIDADE