O novo xogo das Tartarugas Mutantes chegará a semana que vén

xoves, 9 de xuño do 2022 Marcus Fernández

O agardado xogo das Tartarugas Mutantes inspirado nos clásicos beat’em up dos salóns recreativos, TMNT Shredder’s Revenge (A Vinganza do Desfibrador) estará finalmente dispoñible a partir do 16 de xuño, desvelándose xunto coa súa data de lanzamento que, aparte das célebres tartarugas, a reporteira April O’Neil e o mestre Acha, será posible xogar encarnando a Casey Jones, ou sexa, que teremos 7 personaxes a elixir neste título que permite que cooperen até 6 persoas tanto en local como en liña.
Este xogo coa estética da serie de animación de 1987 das Tartarugas Mutantes conserva as mecánicas dos xogos de recreativa, presenta gráficos pixelados para darlle unha aparencia retro e tamén coida aos distintos loitadores para contar con cadanseus movementos especiais para enfrontarse aos salvaxes Bebop e Rocksteady, aos malvados Krang e o Desfibrador, aos soldados do Clan do Pé e incluso a inimigos chegados da Dimensión X.
Está previsto que TMNT Shredder’s Revenge chegue a PC (Steam), Nintendo Switch, PlayStation 4 e Xbox One a un prezo de 24,99 euros.

Vídeo promocional do xogo no que presentan a Casey Jones

PUBLICIDADE