O novo router Linksys WRT610N opera á vez nas bandas de 5 e 2,4 GHz

xoves, 3 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Cisco vén de incorporar ao seu catálogo de electrónica de consumo o router Linksys WRT610N, que sorprende agradablemente por achegar conexións Wi-Fi co estándar IEEE 802.11n nas bandas de 5 e 2,4 GHz simultaneamente, de xeito que podemos combinar as altas velocidades sen fíos a corta distancia a través da banda de 5 GHz mentres conservamos a compatibilidade cos vellos equipos que aínda funcionan a 2,4 GHz (o máis habitual en redes Wi-Fi).
Este router tamén inclúe 4 portos Gigabit Ethernet e un porto USB para poder compartir en rede unha impresora ou un disco duro USB. Tamén emprega tecnoloxía MIMO para facer máis robustas as comunicacións sen fíos, soporta tecnoloxías de encriptación de ata 128 bits, conta cun firewall SPI que protexe de ataques dende a Internet e incorpora un servidor multimedia para levar imaxes, música e vídeo a dispositivos compatibles con UPnP (como a PS3).
O prezo deste router é de 179,99 dólares (114,56 euros) nos EE.UU., o que resulta bastante axustado se tempos en conta todas as súas prestacións, xa que tirará proveito das máximas velocidades que se acadan normalmente tanto por Ethernet coma por Wi-Fi.

PUBLICIDADE