O novo negocio na Rede: a venda de coartadas

martes, 18 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Que pasaría se un día determinado por calquera razón o traballador tivese que ausentarse da oficina, fuxir da casa pola fin de semana ou simplemente inventar unha xustificación para calquera outra circunstancia e non se lle ocorrera nada? Pois agora dende unha web xurdida en Suíza, unha serie de profesionais da coartada poderían sacar ós internautas as patacas do forno achegándolles unha boa bola e todos os accesorios, como poden ser recibos de restaurantes, chamadas telefónicas, reservas de avión ou calquera outro documento que fose imprescindible para dar credibilidade á historia en cuestión.

A idea foi de Christine Barnicol, unha axudante de enfermeira que decote tiña que “cubrir” con canto recurso lle viñera ós miolos os amoríos dunha compañeira de traballo. De aí que decidira dedicarse profesionalmente á arte da mentira e fundase Alibi-beton.com, sitio que xa ten presenza en Europa e América con éxito en Estados Unidos, Francia, e Suíza e que agora aumenta a súa infraestrutura ofrecendo escusas en inglés, francés e alemán.

Os prezos non semellan moi altos: por exemplo, outra compañía semellante á devandita –como xa dixemos, é un negocio que abrolla e colle corpo- radicada en Francia chamada Ibila, cobra por unha chamada telefónica 19 euros, e por documentos sinxelos uns 50. Claro que se o chamuyo non acaba de funcionar ou se o seu protagonista fica exposto, as empresas non se responsabilizan de nada, nin devolven os cartos.

PUBLICIDADE