O novo filtro antipiratería de Youtube podería estar listo en setembro

luns, 30 de xullo do 2007 Matías Olazabal

Segundo a revista de informática PCWorld, Google podería rematar o desenvolvemento e ter totalmente operativo un novo sistema de detección de contidos protexidos por dereitos de autor no vindeiro mes de setembro. Este sistema será quen de bloquear de maneira automática calquera vídeo que sexa difundido en Youtube e que incumpra coa normativa da difusión audiovisual vixente no referido ás leis do copyright.
A tecnoloxía en cuestión xa foi descrita como unha “pegada dactilar dixital” e nun principio funcionará do seguinte xeito: o dono dos dereitos dunha determinada obra remitirá a devandita “pegada” a Youtube, e, a partires dese intre, calquera intento de subir ese mesmo vídeo sería bloqueado polo sitio en cuestión, evitando así novos xuízos contra o xigante informático, que, por outra banda, xa foi demandado por cifras astronómicas.
Segundo as autoridades de Google -que viu medrar as liortas entre empresarios ligados ó mundo do cinema e a televisión-, a tecnoloxía posta en marcha será “de punta” e, se ben a data estimada do lanzamento do novo filtro é o mes de setembro, a complexidade de todo o sistema podería demorar a posta en funcionamento do dispositivo antipiratería.

PUBLICIDADE