O novo SearchCrystal recada cinco motores de procura nun só

venres, 13 de xullo do 2007 Raquel Noya

Xa facía tempo que as mozas de Tecnochica non nos sorprendían con algo útil de verdade (e non tan geek como o que nos teñen afeitos a presentar). Desta volta, un dos artigos cos que veñen de chamar a nosa atención é o buscador SearchCrystal, unha ferramenta que permite recadar nunha soa páxina os resultados de varios buscadores, concretamente, de Google, Yahoo!, MSN, Ask e de Flickr e comparalos ó unísono nunha única xanela.
Ademais de procurar imaxes, que é a utilidade máis solicitada e máis valorada polos internautas, esta web permite realizar buscas de novas, blogs, vídeos ou da mesma web, ó igual ca un motor de procuras corrente pero (podémolo dicir), un todo en un.
Tamén serve para enxergar que tags son máis populares na Wikipedia ou para inserilo no noso propio sitio ou blog e compartir cristais personalizados.
Trátase, sen lugar a dúbidas dunha ferramenta moi interesante e competitiva que traballa en beta e que nos será de gran axuda á hora de realizar procuras concretas na web.
Na imaxe, unha captura da web cos resultados da procura: “Galicia”.