O novo Plan Innova FP contará cun hub de ferramentas de realidade estendida

mércores, 22 de abril do 2026 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura do Congreso FP Innova 2026, onde destacou que o novo Plan Innova FP Galicia 2026-2030, cun orzamento de preto de 30 millóns de euros, porá á disposición do profesorado novos recursos para facilitar a docencia, ao tempo que se completa e mellora a cualificación do alumnado. «Isto situará a nosa Formación Profesional na vangarda da docencia ao servizo da mellor capacitación dos estudantes», destacou o titular de Educación da Xunta, que visitou a feira na que se exhiben proxectos de innovación e emprendemento do alumnado xunto á directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Entre estes novos recursos destaca Metaverso FPGal, un hub de ferramentas de realidade estendida con plataformas de adestramento en contornas virtuais. Así mesmo, co apoio do Centro Eduardo Barreiros desenvolverase unha plataforma integral para reforzar o aproveitamento das novas tecnoloxías no día a día dos centros, integrada por tres programas: Capacita FP, Simula FP e Orienta FP.
O primeiro deles consistirá no desenvolvemento dunha plataforma intelixente e disruptiva para a xeración automática de experiencias prácticas, adaptativas e personalizadas dirixidas á formación en tecnoloxías emerxentes; mentres que o segundo será un sistema de simulación avanzada intelixente que permitirá a práctica en contornas realistas e inmersivas, adaptadas ás diferentes especialidades e niveis formativos. O terceiro programa facilitará a orientación profesional e a planificación educativa mediante a recomendación de itinerarios personalizados que adapten a oferta de FP ás necesidades do mercado laboral. Ademais, desenvolveranse aplicacións baseadas en intelixencia artificial para avanzar en ámbitos como a internacionalización ou a orientación, reforzando ferramentas xa existentes como Vetinen ou OPI Orienta.
«O conxunto destes recursos vai permitir avanzar cara un sistema mixto, no que ao bo facer dos docentes se sumen as posibilidades das tecnoloxías máis punteiras», dixo o conselleiro. «Isto vai redundar en profundas transformacións tanto na metodoloxía de traballo dos docentes como na forma de aprender dos alumnos», abondou.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, sinalou o profesorado como eixe fundamental para o avance e consolidación da I+D+i da FP galega. Nesta xornada técnica participan arredor de 700 docentes e representantes de 41 empresas. Puxo en valor o traballo desenvolvido ata o momento «do que son unha excelente mostra os proxectos de innovación e emprendemento que se poden visitar desde hoxe ata o venres na feira FP Innova e que nacen de profesores proactivos que buscan ofrecer a mellor formación aos seus alumnos».
Segundo explicou, o novo Plan Innova FP Galicia reforza a aposta pola investigación e innovación aplicada nestas ensinanzas, cun orzamento de case 30 millóns de euros. «De novo facemos fincapé no papel central dos docentes, intensificando tamén a súa formación de alta especialización baixo a coordinación do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, un referente neste eido». Entre outros ámbitos, reforzarase a formación en ciberseguridade, computación cuántica e big data. O conselleiro salientou tamén a creación da figura de profesor investigador, orientada á xeración de proxectos de investigación e innovación aplicada.
O plan impulsará a transferencia da investigación e innovación aplicada aos sectores produtivos mediante a creación da Rede de Centros de Innovación Avanzada na FP galega, centrada en 12 ámbitos prioritarios de especialización, en liña co Plan de I+D+i de Galicia 2025-2027. Neste marco habilitaranse 50 espazos de tecnoloxía avanzada, poranse en marcha unha ducia de ciclos de innovación avanzada en colaboración con empresas, entidades, universidades e centros tecnolóxicos, así como outras tantas cátedras profesionais vinculadas a retos empresariais.
A maiores, potenciarase o programa InnovaTech FP, a través do que o alumnado responde a retos tecnolóxicos propostos por empresas, e convocaranse premios a proxectos de innovación desenvolvidos polos centros de FP. Tamén se promoverá a creación de empresas de base tecnolóxica mediante 60 nodos de innovación e o impulso á xeración de patentes, co apoio dun decreto en preparación para regular a protección, explotación e transferencia da propiedade industrial e intelectual no ámbito da FP.
Tras a apertura do congreso, o conselleiro visitou o espazo expositivo da feira FP Innova, que reúne máis de 70 proxectos de innovación e emprendemento desenvolvidos por 38 centros en colaboración con empresas nunha superficie de 4.100 metros cadrados. O evento inclúe 14 obradoiros que permiten experimentar con tecnoloxías e técnicas como a creación de videoxogos, a biotecnoloxía, a impresión 3D, a robótica, a programación en linguaxe natural ou as artes gráficas.
A feira conta tamén cunha exposición de robótica con modelos humanoides e dispositivos orientados ao coidado e asistencia de persoas, demostracións en vivo de ciberseguridade, un espazo dedicado a tecnoloxías inmersivas e un simulador de voo de corpo completo que combina movemento físico e sensación de vento para ofrecer unha experiencia hiperrealista. Pode visitarse ata o venres, con entrada libre e de balde, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas os días 22 e 23, e só en horario de mañá o día 24.