O novo MacBook Pro substitúe as teclas de función por unha pantalla táctil

xoves, 27 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Apple presentou hoxe o seu novo MacBook Pro, un ordenador portátil de grande potencial que con este redeseño presenta o seu formato máis delgado e lixeiro á vez que revoluciona a súa interface de uso facendo desaparecer a tradicional fileira de teclas de funciona para deixar lugar á nova Touch Bar, unha brillante pantalla multi-táctil de calidade Retina.
Este atractivo equipo tamén incorpora Touch ID para gozar dun sistema de identificación cómodo e seguro, un teclado de rápida resposta, un trackpad Force Touch máis grande que o dos seus predecesores e un sistema sonoro co dobre de rango dinámico. En potencia tamén é todo un portento, con procesadores Intel del sexta xeración con 2 e catro núcleos, un incremento da potencia gráfica de até 2,3 veces a xeración anterior, unidades SSD ultrarrápidas e até catro portos Thunderbolt 3 (USB-C).
A Touch Bar é claramente a grande innovación deste equipo, e busca ofrecer grandes opcións de control en función da aplicación que se estea a empregar, soportando tanto as aplicacións de sistema como moitas outros de terceiros. Por exemplo, a Touch Bar pode amosar as diferentes pestanas e os favoritos do navegador web Safari, pode empregarse para acceder ás emoticonas da aplicación de mensaxería ou permite avanzar e retroceder en vídeos, entre outras moitas posibilidades que os desenvolvedores irán incorporando aos seus programas para que os usuarios destes novos portátiles poidan gozar dun control innovador e bastante práctico.
O MacBook Pro consegue que o seu modelo de 13 polgadas presente un grosor de só 14,9 milímetros e un peso de 1,36 quilogramos, o que suporía ser un 23% máis compacto e 200 gramos máis lixeiro; mentres que o modelo de 15 polgadas tería un grosor de 15,5 milímetros (sendo un 20% máis compacto) e cun peso total de 1,8 quilogramos (tamén 200 gramos máis lixeiro que na xeración anterior).
O modelo máis básico do novo MacBook Pro, con pantalla de 13 polgadas, procesador Intel Core i5 de dobre núcleo, 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno sae hoxe á venda por un prezo que parte dos 1.699 euros, pero crecería de Touch Bar e Touch ID , mentres que o resto de modelos que si terían estas novas prestacións tardarían en chegar entre 2 e 4 semanas e o seu prezo partiría de 1.999 euros para a versión con procesador Intel Core i5 de dobre núcleo, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD e pantalla de 13 polgadas, quedando o chanzo superior nun modelo con pantalla de 15 polgadas, procesador Intel Core i7 de catro núcleos, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD por un prezo que parte dos 3.199 euros.
Cómpre destacar que os modelos básicos (sen Touch Bar) con pantalla de 13 polgadas só contan con 2 portos Thunderbolt 3, o que en moitos casos pode ser un atranco (aínda que menos acentuado que no MacBook que só ten 1 porto deste tipo), mentres que o resto de equipos estarían equipados con 4 portos, o que debería ser máis que suficiente, aínda que non serán poucos os que critiquen que algúns destes portos sexan en formato USB estándar para poder empregar accesorios vellos sen ter que facer uso dun adaptador.
Algún detalle máis a comentar podería ser que estes equipos véndense en cor prata e gris espacial, e que a súa autonomía sería de até 10 horas de navegación web sen fíos ou de reprodución de vídeo, podendo aguantar até 30 días en repouso (datos que suporían un pequeno descenso de autonomía no modelo con pantalla de 13 polgadas e unha pequena mellora para o modelo con pantalla de 15 polgadas).

Os MacBook Pro están dispoñibles con pantallas de 13 e 15 polgadas

Vídeo promocional do novo MacBook Pro

PUBLICIDADE