O micrófono iM2 permite gravar en estéreo e con calidade en dispositivos móbiles de Apple

xoves, 24 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Para converter un iPhone, un iPod Touch ou un iPad nunha gravadora de audio estéreo de alta calidade TASCAM presenta o seu micrófono iM2, que pode conectarse directamente ao conector dock dos dispositivos de Apple para suplir así unha das grandes carencias do conector de micrófono/auriculares destes terminais (que só soporta micrófono mono).
Este micrófono é axustable 180 graos para unha boa orientación, e integra un preamplificador e un conversor analóxico-dixital para conseguir un baixo nivel de ruído e unha excelente calidade sonora. O iM2 é capaz de manexar niveis de son de ata 125 dB, o que permitiría capturar concertos musicais e instrumentos sen distorsións.
O conectarse ao dock dos trebellos de Apple, o micrófono non precisa de alimentación adicional, aínda que tamén incorpora un porto USB para poder cargar os dispositivos de Apple durante longas sesións de gravación.
O TASCAM iM2 pode funcionar con case calquera aplicación de gravación, incluíndo o gravador de vídeo integrado en iOS, o que facilita que as nosas gravacións poidan contar cun son máis realista e claro, o que agradecerán especialmente os músicos. O seu prezo de venda é de 79,99 dólares (uns 60 euros).

JPEG - 30.2 KB
O TASCAM iM2 permite converter o iPhone nunha gravadora profesional

PUBLICIDADE