O mes que vén veremos smartphones e tabletas con procesadores Snapdragon 810 e 4 Gb de RAM

luns, 24 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Para comezar a nova xeración de procesadores móbiles dende Qualcomm crearon unha plataforma baseada no seu novo procesador Qualcomm Snapdragon 810, que busca facer un uso efectivo do seu procesador de 64 bits e 8 núcleos apoiado por unha gráfica Adreno 430, de aí que esteamos ante un terminal que estaría equipado con 4 Gb de RAM, deixando claras as aspiracións dos smartphones deste tipo, que polo momento xa está confirmado que comezará a comercializar Intrinsync a mediados de decembro a un prezo de 799 dólares, compañía que paralelamente tamén porá á venda unha tableta cunha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles por 999 dólares.
A plataforma baseada no Snapdragon 810 tamén conta con Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, 32 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSD, cámaras de 13 e 4 Mpíxeles, micro HDMI, micro USB 3.0, batería de 3.020 mAh con soporte da tecnoloxía de carga rápida de Qualcomm e, no caso dos smartphones, unha pantalla de 6,17 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles.
Que estes procesadores de nova xeración conten con moita RAM e grande potencia parece ser o xeito de poder mover con fluidez as pantallas de grande densidade de píxeles tras as que buscan integrarse, de xeito que estarían sobradamente dotados para poder manexar vídeo en 4K, e asegurando o seu fabricante que tamén funcionarán coa última versión de Android (polo que entendemos que se estrearán directamente con Lollipop).

Intrinsync tamén comercializará tabletas co Qualcomm Snapdragon 810

PUBLICIDADE