O investigador da UVigo Alberto Dafonte visualiza o que nos motiva a publicar nas redes

xoves, 4 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Que impulsa a xente a compartir un contido determinado nas redes sociais? Esta é a pregunta arredor da que xira o artigo que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte vén de dar a coñecer nun número monográfico da prestixiosa revista International Journal of Communication, publicación internacional de renome centrada no eido da comunicación e que, no devandito monográfico, pon o foco nas emocións que (aparte de moitos outros factores) determinan o comportamento dos internautas.
Neste número, o investigador da UVigo fai fincapé en varios factores concretos que activan o noso pulo comunicador dixital: motivacións altruístas, procura dunha mellor imaxe persoal e unha arela máis ou menos común por compartirmos a nosa visión particular do mundo. Segundo explica Dafonte, cuxo artigo é un dos seis piares que sosteñen o monográfico (constituído por media de ducia de investigacións sobre os novos medios, as emocións e a súa influencia na esfera pública), unha parte importante do que se comparte nas redes sociais ten unha raizame solidaria: quen publica algo quere que os demais tamén saiban o que el sabe sobre unha cuestión determinada.
En concreto, o seu artigo Audiencie as medium: motivations and emotions in news sharing, artella en tres grandes áreas as principais motivacións que se coñecen a raíz de diferentes estudos, co propósito de que poidan “axudar a entender mellor o fenómeno”. Por unha banda, atópase a motivación de compartir un determinado contido por un “comportamento, digamos, altruísta, para axudar aos demais”, idea que parte de que “na medida en que sabes que algo pode ser de interese para os demais, compártelo”, algo que, engade, non é propio das redes sociais, senón que “facémolo con frecuencia na nosa vida cotiá”, aínda que agora “os individuos particulares pasan a ter moita máis capacidade de influencia na súa contorna”.
Por outra banda, e en relación á primeira, Dafonte alude a unha segunda motivación, “que é compartir por beneficio propio, porque na medida en que axudas a túa comunidade probablemente estéaste axudando a ti mesmo, pero tamén por reforzar o teu status a túa imaxe persoal”.
Tanto esta motivación como a que alenta ás persoas a compartir a súa visión particular do mundo nas redes lévannos directamente á beira dunha serie de riscos nos que o investigador non deixa de reparar: riscos como a xeración de opinións cada vez máis polarizadas ou a busca sistemática de enganar deliberadamente á opinión pública. Segundo fai saber, “trátase dunha cuestión moi importante para a convivencia na sociedade” e que reviste tamén dun especial interese desde o punto de vista económico, xa que “a calquera empresa, grupo de comunicación ou a calquera grupo político interésalles saber como alcanzar, ademais de difusión nas súas propias contas, que a xente comparta os seus contidos”.
No dito punto, pon de relevo que se ben “a propaganda existiu sempre, antes este tipo de cuestións estaban en mans de poucos, mentres que agora existen unhas horizontais que permiten unha difusión enorme dos teus contidos”. Ao seu xuízo, cómpre de abordar conceptos como os “filtros de burbulla ou cámara de resonancia, que teñen que ver con como nos relacionamos moitas veces nas redes sociais, con xente de opinións afíns e excluíndo a xente de opinións distantes”.

PUBLICIDADE