O iPhone Air destaca entre a nova xeración de móbiles de Apple

martes, 9 de setembro do 2025 Redacción

O iPhone 17 estará dispoñible en 5 cores distintas

Apple presentou a súa nova xeración de smartphones, a familia iPhone 17, con propostas que combinan cambios no deseño, melloras no rendemento e avances nas capacidades fotográficas e de vídeo.
O iPhone 17 chega cunha pantalla Super Retina XDR de 6,3 polgadas, máis brillante e eficiente, e incorpora por primeira vez a tecnoloxía ProMotion, que permite unha frecuencia de actualización adaptativa ata os 120 Hz. A cámara frontal Center Stage, con sensor cadrado e 18 Mpíxeles, busca facilitar os selfies e as videoconferencias, mentres que o sistema de cámara traseira Fusion de 48 Mpíxeles ofrece opcións como teleobxectivo óptico e ultra gran angular. O novo chip A19, fabricado en 3 nanómetros, promete unha mellora no rendemento e na autonomía, que pode chegar ata 30 horas de reprodución de vídeo. A conectividade tamén se reforza co chip N1, compatible con Wi-Fi 7 e Bluetooth 6.
Na gama alta, os modelos iPhone 17 Pro e Pro Max incorporan unha carcasa de aluminio unibody e unha cámara de vapor para mellorar a disipación térmica, o que permite manter o rendemento do chip A19 Pro en tarefas intensivas como edición de vídeo ou xogos. A pantalla mantén a tecnoloxía ProMotion e alcanza un brillo máximo de 3.000 nits. A configuración de cámaras Fusion de 48 Mpíxeles inclúe un novo teleobxectivo con deseño en tetraprisma e zoom óptico de ata oito aumentos, así como compatibilidade con formatos profesionais como ProRes RAW e Genlock, pensados para producións audiovisuais. A autonomía tamén se incrementa, especialmente no modelo Pro Max, que incorpora unha batería de maior tamaño.
O iPhone Air, pola súa banda, aposta por un deseño ultrafino e lixeiro, con só 0,56 centímetros de grosor e unha estrutura de titanio de grao 5. A arquitectura interna procurou deixar máis espazo á batería co obxectivo de conseguir unha autonomía para todo o día, o que supón concesións como carecer dun segundo altofalante que permite a reprodución de son estéreo. A pantalla Super Retina XDR de 6,5 polgadas tamén integra ProMotion e Ceramic Shield 2, presente en toda a gama, que triplica a resistencia a rabuñaduras. A cámara frontal Center Stage e o sistema Fusion de 48 Mpíxeles repiten neste modelo, que tamén incorpora o chip A19 Pro, o N1 para conectividade e o C1X como módem celular propio da compañía.
Cómpre salientar que o iPhone Air, para aforrar espazo, carece de bandexa para tarxetas nanoSIM, optando polo uso de eSIM, tecnoloxía dispoñible cos principais operadores de telefonía, pero que supón un cambio importante de cara aos consumidores que teñen moi asociado o concepto de liña telefónica ligada a unha SIM física.
A dispoñibilidade dos novos iPhone está prevista para o 19 de setembro, con reservas abertas desde o día 12. Os prezos parten dos 959 euros para o iPhone 17, 1.219 euros para o Air e 1.319 euros para o modelo Pro. 

Vídeo promocional do iPhone Air