O iPad básico renóvase radicalmente

martes, 18 de outubro do 2022 Marcus Fernández

O iPad básico levaba anos sendo a tableta de Apple que mantiña a vella liña de deseño, pero finalmente actualizouse, e agora presenta un deseño de borde a borde cunha grande pantalla Liquid Retina de 10,9 polgadas e un procesador A14 Bionic, sendo especialmente relevante o feito de que por fin adopte como porto o USB-C, tanto para carga como para accesorios, incrementando as súas posibilidades. Tamén mellora a súa conectividade, de xeito que nas redes sen fíos domésticas é compatible con Wi-Fi 6, mentres que nas redes móbiles é compatible coa 5G.
As cámaras da tableta renováronse, contando agora cunha cámara traseira de 12 Mpíxeles capaz de gravar vídeos 4K con nitidez, mentres que a cámara frontal tamén é de 12 Mpíxeles, pero muda de posición para colocarse nun borde horizontal, no que semella unha declaración de intencións (buscando así facer un uso máis profesional da videoconferencia).
Para poder utilizar esta tableta para tarefas de produtividade resulta especialmente práctico o novo Magic Keyboard Folio, un teclado que integra trackpad e peaña, de xeito que converte o iPad nunha especie de ordenador portátil.
Un detalle curioso é que, pese a adoptar o porto USB-C, mantén a compatibilidade co Apple Pencil de primeira xeración (que cárgase por LIghtning, de xeito que é preciso un cable adaptador de querer cargalo co iPad).
Para o seu desbloqueo, o novo iPad fai uso de Touch ID integrado no botón superior da tableta, o que permite non só desbloquear o dispositivo, senón tamén iniciar sesión en aplicacións ou utilizar Apple Pay.
O novo iPad estará dispoñible o vindeiro día 26 a un prezo de 579 euros con 64 GB de almacenamento e de 779 euros con 256 GB de almacenamento, incrementándose o prezo en 200 euros se queremos engadir conectividade 5G. No que se refire aos accesorios, o Apple Pencil custa 119 euros (podéndose mercar un adaptador para USB-C por 10 euros) e o Magic Keyboard Folio venderase a 299 euros.

PUBLICIDADE