O historial de navegación de Chrome por fin pode integrarse en Windows 10

martes, 19 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Dende o ano pasado Windows 10 ten unha funcionalidade chamada Historial de Actividade que facilita o acceso aos programas que empregamos recentemente, aos documentos que creamos ou modificamos, aos contidos multimedia que reproducimos... ordenados nunha cronoloxía de acceso rápido tanto premendo na icona correspondente na barra de tarefas como premendo a combinación de teclas Windows + Tabulador.
Pero esta prestación de Windows 10 está principalmente centrada no sistema operativo de Microsoft, ou sexa, que para que a nosa actividade en liña se vise reflectida teriamos que empregar o navegador Microsoft Edge, que non é precisamente popular, e para salvar tal atranco Microsoft lanzou unha extensión para Google Chrome chamada Web Activities que rexistra a nosa actividade en Chrome, o que facilita o acceso ao noso historial de navegación tanto no Historial de Actividade de Windows 10 como a través do Microsoft Launcher para Android.

PUBLICIDADE