O galego Fernando Ónega pon en marcha unha tenda-web co mellor da nosa gastronomía

mércores, 28 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

O xornalista galego Fernando Ónega, en colaboración con El Corte Inglés e Terras Gauda, vén de pór en marcha unha tenda dixital para levar a gastronomía galega a onde sexa preciso, ou sexa, a todo o mundo. O establecemento en liña, unha escolma de produtos elaborada polo propio responsábel da web, vén cunha importante novidade no seu seo, “un innovador servizo de compra á carta”, informa El Corte Inglés, que dá acubillo á iniciativa. Máis polo miúdo, trátase de dotar á tenda dun equipo profesional que se compromete a levar calquera produto galego, demandado polo cliente, nun prazo de 48 horas en tódolos recantos da España peninsular, con independencia do afastado que estea da nosa terra.
Polo que atinxe á oferta gastronómica dispoñíbel, semella abranguer unha boa parte dos nosos mellores sabores: viños, produtos frescos do mar e da horta, carnes escolmadas, conservas artesanais de calidade, hortalizas frescas e envasadas, etc. En palabras do propio Ónega, “esta é a tenda dos pobos de Galicia aberta ao mundo”. Para darlle forma a este proxecto, o xornalista galego contou coa colaboración de senlleiros restauradores, que xa se comprometeron a achegar, ao abeiro da web, as súas máis innovadoras receitas e propostas feitas sobre o alicerce dos nosos produtos.

PUBLICIDADE