O fundador de Telegram promete colaborar coas autoridades francesas
venres, 6 de setembro do 2024
Dende a detención e posta en liberdade de Pavel Durov en Francia había moitas dúbidas sobre o futuro de Telegram, pero a última publicación de Durov na súa canle de Telegram arroxa un raio de esperanza, xa que o fundador de Telegram promete colaborar coas autoridades, disfrazando a súa falta de colaboración anterior como un malentendido.
Durov asegura estar sorprendido polo feito de que o fagan responsable dos usos ilegais de Telegram porque ante as reclamacións da Xustiza francesa non se recibían respostas de Telegram, e o fundador da compañía daba a entender que enviaban as solicitudes a un enderezo de correo electrónico incorrecto (desculpa bastante surrealista) á vez que apuntaba que colaborou no pasado coas autoridades e que non entende que se lle persiga directamente sen ter iniciado antes accións legais contra Telegram.
Pavel Durov tamén recoñece que o crecemento de Telegram tamén fai complicado manter o servizo libre de usos ilegais, polo que promete novas medidas de seguridade e transparencia sobre a súa implementación.
ACTUALIZACIÓN: Os cambios en Telegram parecen estar a ser máis rápidos do que se pensaba, e xa estarían a aplicarse, polo que podemos ver na evolución das preguntas máis frecuentes sobre a aplicación, que no apartado sobre contido ilegal pasa dun rotundo «todos os chats e grupos de Telegram son territorio privado dos seus respectivos participantes e non procesamos solicitudes relacionados con eles» (que contrasta co discurso colaborador que sostén Durov actualmente) a un «todas as aplicacións de Telegram teñen botóns de Reportar que permiten sinalar contido ilegal aos nosos moderadores nun poucos toques» pasando a detallar como é este proceso de denuncia e incluso insta agora aos usuarios a informarse sobre como lles afecta a Lei de Servizo Dixitais.
Este último detalle dá a entender que Telegram considera inevitable que a Comisión Europea os obrigue a acatar a Lei de Servizos Dixitais (DSA) xa que a súa declaración oficial á Comisión sobre o número de usuarios activos no servizo en Europa era claramente falsa para evitar someterse á lexislación europea (a compañía aseguraba ter só 41 millóns de usuarios en Europa, cando os datos que facía públicos por outras canles apuntan a preto de 250 millóns).
O cumprimento da Lei de Servizos Dixitais suporía que Telegram adoptase medidas de seguridade que rexeitou en toda a súa historia, polo que agora parece inevitable que a plataforma deixe de ser un territorio sen lei se non quere ser prohibido en toda Europa.
ACTUALIZACIÓN: Dende Telegram reaccionan ás críticas polo cambio das súas preguntas frecuentes asegurando que non houbo cambios na aplicación, senón que simplemente deixan claro como denunciar contidos e como dar conta de infraccións da Lei de Servizos Dixitais.